Page 3 - Cat_Fermin_Enzinar
P. 3

A PINTURA COMO PODER DE ENCANTAMENTO: A ALQUIMIA VISUAL DE

               FERMÍN ENCINAR

               Xavier Seoane
               Se vostede é coruñés, e vai pola rúa, e ve un sombreiro comme il faut, e un bastón acaído, seguro que
               portándoos, con elegancia de flâneur, descubrirá ao pintor Fermín Encinar, marqués do plein air, en
               pleno paseo pola cidade atlántica.
               O seu paseo, ademais de ollada atenta, das que levantan acta, ten un punto de ironía, e marca un
               tempo sosegado e elegante. Van Gogh, ese pleinairista arrebatado, quizais iría máis rápido. Gauguin, o
               seu colega, talvez non usaría bastón, protexido como estaba tras da fera rebeldía e do amplo bigote.
               Se cadra Monet si ruaría máis devagar: cun estilo máis na liña do noso pintor, contemplando amable e
               minuciosamente o mundo, demorándose na luz, nas fachadas, nos xogos das ondas e das celaxes sobre
               o mar…
                                                            *
               Fermín Encinar comezou, nos anos setenta, traballando nos ámbitos da abstracción. Eran momentos
               de procura, de inquietude, de lanzarse cara adiante… Na Coruña, había un nutrido grupo de artistas e
               tanto el como este amanuense coincidimos naquela aventura humana que foi A Galga. Mon Vasco,
               Correa Corredoira, Pepe Galán, Xoty de Luís, Chelín, Xaime Cabanas, César Otero… unha promoción
               na que, lamentablemente, moitos faleceron de modo prematuro, sen poder desenvolver todo o que
               prometían. Eran, os setenta e oitenta, os tempos dos míticos Filloa e O  Patacón, dos novos fotógrafos
               coruñeses, dos poetas do grupo De Amor e Desamor, dos novos teatreiros… tempos en que os barcos
               estaban aínda milagrosamente empoleirados na dársena… anos de explosión e liberdade, de vitalidade
               e alegría expansiva pola chegada da democracia.
               Mais  co tempo, e logo do paso polos grupos, sempre inquietos e programáticos, os artistas deben
               emprender, coma os navíos, a súa singradura en solitario. Así o fixo tamén Fermín Encinar. E, co paso
               dos anos, e logo de experiencias variadas, e viaxes por Europa e por África, e de traballo como actor,
               e de labor artístico no estudio, e de tomas do natural, e de prácticas de arte postal, e de creación de
               poemarios, apareceu cun novo plantexamento artístico. Porque retornou á figuración, da que xurdiron
               paisaxes, figuras, interiores, bodegóns, mariñas… en óleos e acuarelas.
               Nese amplo período figurativo, ademais de saber utilizar a experiencia dos variados abstractismos e
               informalismos da anterior etapa, afeccionouse fondamente polo espírito pleinairista que viña do século
               XIX e polas tendencias de inicios do XX:  cubismo, construtivismo, simultaneísmo, Picasso, Matisse, os
               nabis, o fauvismo, a Escola de París… sen deixar de practicar unha mirada máis contemporánea, máis
               pop, antitráxica e deliciosamente vitalista.
               Porque se trataba dunha pintura que celebraba a alegría de vivir. E é que en Encinar hai unha visión
               en positivo do mundo e da vida. Neste sentido, é un dos artistas nosos nos que máis se evidencia a joie
               de vivre. Por certo, será ese trazo algo frecuente no espírito coruñés? Pensa un na poesía de Miguel
               González Garcés, ou de Torneiro, en non poucos cadros e acuarelas de Antonio Tenreiro, en certos
               poemas luminosos e sensualmente coruñeses de Xulio Valcárcel e de Fernán Vello, en certo espírito
               dionisíaco e vital de Lino Braxe… Será consecuencia desa luz atlántica, intensa, que ás veces parece
               presidir a cidade, e que a Álvaro Cunqueiro lle evocaba, na súa transparencia, un halo de aurora
               boreal? Será que a cidade marca un estilo liberal e sensual, vital e paseante, estimulante e aberto?

                                                                                                          1
   1   2   3   4   5   6   7   8