Page 4 - Cat_Fermin_Enzinar
P. 4
Quizais foi ese espírito animoso e sensible, de alento saudable e vocación luminosa, o que o levou a un,
hai tempo, a escribir sobre Fermín Encinar en termos dun home de retina case sureña, facedor dunha
pintura exultante e veranega, deliciosamente mariñán: como unha sorte de Matisse atlántico, un Hooper
paseante ou un Sorolla ou Vlaminck finisterrano.
*
Mais agora, na presente exposición, prodúcese un intenso cambio, que se veu operando, sen pausa
mais sen présa, no último lustro no seu estudio. Porque, nun xesto claramente cíclico, Encinar retorna
en certo modo, aínda que con máis sabedoría e fondas transformacións, ás súas orixes abstractas.
Abandona a figuración, e aínda que conserva o élan organizativo do seu saber cubista e construtivista,
dáse a crear uns cadros que, fundamentalmente abstractos, non se obsesionan en absoluto coa
dialéctica abstracción-figuración, pois se xorde algo referencial, ou elementos de estirpe xeométrica ou
arquitectónica, alí permanecen con pertinencia e naturalidade.
Neste aspecto, hai algunha peza que non fica lonxe do espírito dunha “mariña”. Ou fiestras vagamente
bocexadas ou intuídas. Ou unha transfigurada evocación de Istanbul. Ou un “nocturno español” con
intensidades de Lorca ou de Falla. Mesmo un boi esventrado… quizais como unha certa homenaxe aos
seus admirados Rembrandt e Soutine…
Trátase dunha pintura asentada na sensorialidade e na espiritualidade. Que procura a harmonía e a
beleza a través da explosión visual das cores e das texturas. Porque as pezas son como repertorios
musicais de cor e luz, harmonías vitalistas.
O pintor coida moito a estrutura, mais busca a espontaneidade, a frescura e a inmediatez directa das
formas, as manchas e campos de cor que xorden co ímpeto dunha revelación. No fondo, e con respecto
á súa época figurativa, é como se as vivencias se esencializaran, se fixeran máis sutís e interiorizadas.
Como se o plein air se abstractizara, deixando un amplo repertorio de sensacións e de emocións. Neste
sentido, as súas obras son como xanelas por onde flúe a súa máis fonda intimidade, os latexos e as
vibracións do seu espírito. Unha pintura, en definitiva, moi anímica e afectiva, sensorial e sinestésica.
Non é estraño que o propio pintor teña falado, no seu día, do poder de encantamento que late na
pintura. Porque quizais iso é o que procura: esa alquimia, esa maxia. De aí a aposta radical pola cor,
marca da casa. Unhas cores intensas, vivas, que exhalan vida propia, pois emanan da superficie con
naturalidade, enerxía e fruición, nun amplo abano de explosivas ou suaves tonalidades.
En convivencia coas gamas cálidas e estimulantes, a luz, a presenza constante da luz. Se a cor, na
poética de Encinar, “constrúe”, e emana, a luz, coa súa levidade e ingravidez, contribúe a esa sensación
de experiencia vivida, de encarnación táctil, de etérea transparencia. Porque a súa pintura zumega a
luminosidade intensa dun pop ou dun abstracto californiano radicado na nosa Fisterra atlántica.
Música visual, cor, luz, texturas… logradas cunha técnica mixta de óleo e pigmentos, constitúen, por
tanto, as claves substanciais desta exposición de acusada coherencia que constitúe un canto á
percepción, aos sentidos, á fenomenoloxía do respirar e do sentir. Do vivir. Deste modo, cun chisco do
informalismo clásico que tan ben coñece, e en conexión con variadas tendencias abstractivas, desde
España a Europa, da pintura francesa á norteamericana, Fermín Encinar amosa que a arte é avance,
mais tamén retorno. Tradición, e innovación. Viaxe, mais raíces vivenciais. E así camiña, deixando atenta
constancia do seu paso. Coa ollada alerta. Baixo o chapeo. Bastón en man. Levantando acta desde a
súa retina alegre e dilatada.
2

