Page 7 - CATALOGO MIGUEL ZELADA_2020_FLIP
P. 7
Saúda
Quizais teña que ver que Zelada sexa un grande amante da música e que os seus cadros soen
a jazz e a countri e a todo o que pincha cando colle o pincel e que o fai acudir a unha parte
da paleta ou a outra. Temos ante nós toda unha vida en parcelas. As súas obras son anacos
de tea que latexan e que están marcados por un z que foi medrando de forma autodidacta. Da
súa sensibilidade para captar psicoloxías, están os retratos, en que o pintor destaca por ser
sabedor de todos eses trazos que debuxan a alma. Conmoven, igual que conmoven as súas
paisaxes, merecedoras dun aparte por como camiña por elas ata facelas súas. Dalgunha
forma, creo que lle pasa o mesmo que cando pinta persoas. O verde monte e os edificios que
saúdan nas súas pinturas son tamén retratos psicolóxicos porque están vivos a pesar do
inerte e falan. Con el, penso que pasamos a outra dimensión das cousas axudados/as en gran
parte pola cor que non é arbitraria e ten un papel decisivo mais tamén pola composición, pola
presenza de elementos e a forza que teñen uns fronte aos demais e todo isto vén conformar
un proceso que hoxe podemos ver xunto neste catálogo.
O que tamén preside a Asociación de Artistas da Coruña di sempre que foron Cézanne e Van
Gogh os seus grandes inspiradores pero creo que, por riba de todas as influencias que puido
recibir están el e a súa autonomía, capaz de lle facer partir da figuración para coquetear co
abstracto e incluso co action painting, para ser cubista e expresionista á vez, un alquimista
da pintura que lle pon ritmo á emoción. Dos seus máis 60 anos de oficio e dos centos de
obras que leva realizado, quedo con esa condición de que todo o que fai non perde frescura.
Móvese como o atlántico que o viu medrar como artista ata facerse un grande. Luz, azul e
océano.
Inés Rey
Alcaldesa da Coruña
7