Page 12 - CATALOGO MIGUEL ZELADA_2020_FLIP
P. 12
AO OBRA. TEMAS.PLANTEXAMENTOS ESTÉTICOS
Miguel Zelada, como xa apuntamos, é músico e pintor autodidacta, en ámbolos casos- e polo tanto, favorecido xenerosamente
polos dones das musas, un artista integral, cunha sensibilidade especial tanto para se emocionar diante da beleza como
para converter en reflexión meditada intelectualmente aquelo que o motivou. Ista dualidade entre o sensitivo e o intelectivo
reconócea para todo o seu quefacer. E confésase, ante todo, como un pintor realista, pero que pinta realidade que ve
interpretándoa dende a súa propia óptica; ou, o que é o mesmo, facendo pintura que se traduce en emoción estética,
verdadeira pintura e non mera copia. Ou- como tiña sinalado o pintor Alfonso Abelenda:-” pinta para discernir a realidade
detrás dos homes e das formas.”
O seu lado reflexivo lévao a pensar demoradamente o plantexamento da obra que vai a realizar, incluso, as veces, fai algún
boceto, pero, unha vez que a idea se materializou, faina con esponteneidade e rapidez, dando canle a ese emocionado
sentir, que é equiparable ao que nos produce a música. Isto sucédelle, sobre todo, coa técnica do óleo, cuxas temperaturas
cromáticas, sobre todo as das cores complementarias, domina á perfección, dun xeito intuitivo. Así cantan nos seus óleos
harmonías e contrastes de cor, cuxo dominio é- como diría Matisse- o que fai ao pintor.
En canto a acuarela, quizais pola mesma necesidade de axustar as augadas, faina con moito máis detemento e lentitude,
pensándoo moito para que a obra quede limpa, crara e luminosa.
Nacen así da súa paleta os seus temas preferidos: o retrato, os interiores e a paisaxe que, nesta mostra antolóxica, ten un
grande peso.
Abstractos
A mostra componse de 93 obras que abarcan dende 1964 a 2019, é dicir, 55anos de quefacer que, ademáis de confirmar o
seu xa recoñecido talento, permítenos facer algúns inéditos descobrementos. Así, por exemplo, os dous abstractos de tons
terrosos de 1964 e 1967, con xenerosos empastes un tanto na liña da pintura matérica e que tamén lembran a art brut de
Dubuffet, un dos cales configura irradiadores relevos que se expanden en estrela; o outro está formado por globulosas e
espesas manchas brancas espalladas sobre un fondo escuro, un tanto á maneira xestual do tachismo e da action painting ou
pintura de acción. Son dous experimentos que logo non cultivou,, pero que revelan inquedanzas e posibilidades expresivas.
Expresionistas
Máis sorprendentes aínda, polo seu impactante expresionismo, son seis obras de 1977 e 1978, ás que titula Figuras e que
representan seres e rostros atormentados, de anatomías deformadas por retortos trazos. As liñas negras do debuxo e as
tintas grisallentas e vermello-terrosas da axitada mancha crean unha torturante atmosfera que se acentúa a causa do
claustrofóbico encadre. Son obras que traen ecos de Bacon e da Nova Figuración, tamén do expresionismo alemán, pero
sobre todo teñen moito de goyesco. Pensamos que, de ter seguido, nesa dirección, podería terse convertido nun dos nosos
grandes pintores expresionistas. Non obstante é unha liña que xamáis retomou, quizais porque non se axeitaba ao seu
temperamento, que está mais achegado aos aspectos amables da vida e que, ainda que non exclua os dolorosos, inclínase
máis do lado do lirismo que do da traxedia. Non obstante, hai que resaltar que algúns dos seus retratos nútrense, ainda que
de maneira contida, desa capacidade expresiva para captar as tormentas interiores do espíritu.
12