Page 16 - CATALOGO MIGUEL ZELADA_2020_FLIP
P. 16

e os seus mástiles servindo de cortina as suxeridas fachadas do fondo, pero a verdadeira protagonista é a reverberante
            luz que pon ambarinos e zigzagueantes reflexos nas atlánticas augas, mentres arrola un ensoño de anceiadas singladuras.
            Tamén está presente esa alma mariñeira da Coruña na obra A lancha de Santa Cristina, de 1994, que  zumega evocadora
            morriña dun tempo, que xa semella remoto, no que o transporte á praia facíase en barco; aínda se sinte latexar o xúbilo
            popular e tanto a proa da embarcación como as fachadas da Mariña vibran con planos de dourada luz, que se dixera quere
            emular a cor da area e que estivese anticipando o dionisíaco disfrute que agarda aos apiñoados pasaxeiros.

            Un cadro que exemplifica craramente a vontade de síntese selectiva de  captación do esencial é Herrería, de 1984, unha
            vista do mosteiro do Escorial agochado tras da fronda, no que as formas das árbores e da arquitectura fúndense nun diálogo
            de volúmenes esféricos e rectangulares, coas tonalidades verde esmeralda das copas arroupando os variados azuis do
            edificio, da montaña e da lonxanía; un toque de calidece de ocre rosáceo, no chan e an algúns puntos do edificio crean a
            axustada complementariedade cromática. A isto chámaselle sabedoría plástica.
            Alta sabedoría plástica é a que atopamos tamén noutra vista de 1999 do Mosteiro do Escorial, dende Los Arroyos. A visión
            mudou, a luz e as cores tamén, o que demostra que o motivo pode ser abordado de mil maneiras e que pode ser só un
            pretexto para encarreirar unha emocionada visión. A arquitectura do Escorial, de tons ocre e pizarra, aparece encaixada
            entre as brunas e sombrizas montañas do fondo,- que van coroadas por unha alongada banda de luz ocre-, e a espesa
            boscaxe vermella do primeiro plano, diante do cal - i en contrapunto- co fondo- érguense pequenas arboriñas do mesmo
            ton terra sombra da montaña. O conxunto exhala unha quente e serea harmonia que transmite a mística contemplativa do
            lugar. E demostra sobradamente a capacidade de Zelada para sentir e captar a alma da paraxe.

            Aínda hai unha terceira visión do Escorial, do 2006, cos campos e montes que o rodean sometidos á súa particular matemática
            cubista de planos e liñas crebadas, pero que non prescinde da perspectiva. Harmonía cromática, como é habitual nel, neste
            caso de tons grisáceo e terra, de baixa saturación, o que crea unha sensación de envolvente morneza outonal.
            Corna, paisaxe de 1992, é outro feliz exemplo de síntese de formas e de axustado cromatismo, no que o cálido puzzle amarelo-
            laranxa dos campos que invaden o primeiro plano e o vermello dos tellados da aldea atempéranse co escuro verde-azulado
            dos montes do fondo, que parecen acollar amorosamente o núcleo urbano. Brancas fachadas e un cobregueante camiño
            branco poñen puntos de luminosa vida no conxunto, que trae idílicas resoancias.
            Un halo de misterio e de romanticismo, que se dixera escenario axeitado para Jane Eyre, emana da obra de 1998 “Villa
            Concepción- noite”, na que pinta unha impoñente mansión modernista que perteneceu aos antepasados da súa dona e que
            en si mesmo transmite mudas historias, coas súas luces e as súas sombras. As luces, dun intenso dourado, proxéctanse
            sobre o porche e as arcadas, o resto do edificio recibe só algúns reflexos sobre a súa impresionante masa de oscuros
            grises. A casa aparece vista dende un ángulo, encaixada en escorzo cara un fondo de altas árbores negras e unha esquina
            de ceo marrón, o que acentúa a súa solemne e sobrecolledora presenza. E,unha vez máis, o pintor deixa en cada pincelada
            un latexo de asombradas emocións. Pois , qué pode haber máis rico de vivencias que unha casa?

            Das moitas obras que pintou cando realizou o Camiño se Santiago, en 2004, ofrécenos a  Praza do Obradoiro, coa súa
            pavimentación resplandecente de luz para recibir ao peregrinos que se erguen como anónimas siluetas xunto da impoñente
            fachada da catedral. Tamén é desta época a Plaza del Grano de León, un recolleito espazo no que se respira soedade e
            silenzo que son os compañeiros do peregrino; aquí volve a dar un protagonismo especial ao chan iluminado, que devén
            así un camiño de dourada luz curvándose para penetrar entre os edificos cor terra, o que resalta a idea solar inherente á
            peregrinaxe cara os confíns de Occidente.




                                                                 16
   11   12   13   14   15   16   17   18   19   20   21