Page 18 - CATALOGO MIGUEL ZELADA_2020_FLIP
P. 18
De 2016 é Desde as Xubias, fermosa obra na que establece un diálogo entre as abeiradas terras e a lingua de auga que se
alonxa cara o horizonte como un camiño de branca luz; unha casa vermella a carón de escuras árbores en primeiro plano
constitue unha atalaia humanizadora, o contrapunto á inmensidade. E podemos sentir así unha vez máis a comunicación
cordial que busca establecer entre e contorna, en toda a súa obra.
Ao tema da paisaxe coruñesa volve en 2018 co Monte de San Pedro, bicado polas augas profundamente azuis e agora en
calma da mar de Riazor; a carón do monte, os edificios da barriada; en primeiro plano, brancas escumas entre as rochas; e,
no fondo, a evocación da azul lonxanía. Tamén do mesmo ano é Praias do Orzán e Riazor, un cadro que mira a cidade desde
un mar en calma, nun día de celeste luz e pasaxeiras nubes brancas, no que nos devolve esa outra faciana da Coruña, a
dun lugar acolledor e amable, no que prima a cortesía e o fair play. A un último baile de aventuras marinas que agardan nos
veleiros deportivos somete as galerías da Marina, no cadro Porto deportivo.
Con Entre dúas luces péchase esta viaxe, anclándonos nun precioso solpor dourado polos derradeiros rios solares, nun
dos lugares máis emblemáticos da cidade: o Paseo da Marina, a carón da Dársena, nunha hora propicia para todas as
incitacións liminais e as máxicas ensoñacións do alén.
REFLEXIÓN FINAL
Decía Balzac: “O artista debe meditar co pincel na man”, un aserto que se pode aplicar con xustiza a Zelada, pois vimos
como, nos seus autorretratos, se reflectiu a si mesmo, enfrascado en fondas cavilacións; pero sobre todo temos sentido
como en cada unha das súas obras da tamén testemuña dunha demorada e penetrante meditación, percibimos que se trata
dun artista que non cesa de escoitar intensamente qué é o que quere o tema que o ocupa, sexa persoa ou paisaxe e qué
segredos latexan nel. Toda a súa obra é unha continua interrogación, un continuo asombro, unha deslumbrada inspiración
e unha percura inacabable, na que ten conquerido, nos seus millores intres, a captación de acordes raros e refinados, en
modulacións exquisitas e sempre novas de luz e de cor, facendo do cadro o que debe ser. unha perfecta organización de
formas e de cores que sexan música para a mirada e alimento para o espíritu. Como Cézanne, busca en todo ser e en todo
lugar os seus caracteres permanentes, a súa verdade máis espida, elimina o supérfluo para centrarse na arquitectura
íntima do cadro e nos ritmos subxacentes e elevalo así a construcción inspirada de acentos líricos, que poida dar conta do
corazón das cousas.
Decía Stravinsky que a música non só debía ser escoitada, debía ser vista. Podemos darlle a volta a esta afirmación e dicir
que a pintura de Zelada non só debe ser vista, debe ser escoitada.
Ánxeles Penas, xaneiro 2020
18