Page 17 - CATALOGO MIGUEL ZELADA_2020_FLIP
P. 17
En 2006 realiza, nunha viaxe a Sicilia, o tríptico de O val dos Templos, tres obras que son a un tempo oda i elexía ao esplendor
que a Grecia helenística extendeu polo Mediterráneo e que erixiu neste val un espazo de sacralidade, émula daquel no que
se ergue o Partenón. Miguel recolle todo eso nas ruinas de pedra rosada que se erguen como oracións mudas sobor do
rochoso val. En Taormina ofrece, en perspectiva de lonxanía, unha visión case épica do lugar, coas ruinas cor siena e rosa
do circo en primeiro termo e o núcleo urbano de parella tonalidade agochado entre montañas de verde oliváceo, mar e ceo
azul; a luz e a alma do Mediterráneo en plenitude.
Hai un grupo de obras de 2007 e 2008, dedicadas a A Coruña, nas que o espíritu da cidade está presente e a beleza dos seus
recunchos; tamén o están as luces atlánticas, nas que impera o azul. Unha vez máis podemos comprobar como atempera
atinadamente as cores da súa paleta ás esixencias do motivo. Así, en planos intensamente azuis de chan e de ceo e baixo
outros planos que son como aéreas veladuras, encádrase o Pazo de María Pita, inundado de áurea luz. Pinta a Praza
do Humor entre nubes azul turquesa do ceo e un esbaradizo e brillante triángulo azul celeste no chan, que arroupan a
dous brancos edificios e ás pardas arquitecturas en sombra do mercado de San Agustín. O recuncho da Iglesia de San
Jorge aparece sulagado nun granítico letargo de grises limonados e sombras azul noite, baixo un ceo de vibrante azul.
En Tranvía pola Domus predomina a tonalidade fría do azul e o gris pizarroso do impoñente edificio, un tanto entibiada
por algúns toques malva rosáceos. En Tranvía polo Paseo Marítimo tamén van atemeprados os azuis da masa do fondo e
da curva avenida polo marelo do tranvía, os verrmello terrosos das farolas e a morna luz ámbar do ceo. Pinta a Iglesia de
Santiago con azuis de pedra granítica, entre o contraste da crara luz do ceo que a inunda e as moradas sombras da rúa
que da acceso a ela. Noutros recunchos, como o da rúa Panaderas imponse o intenso vermello das fachadas do fondo e a
entonación violáceo- morada de ceo e sombras, pero non falta o toque azulado das coruñesas galerías. Canta o alaranxado
solpor sobre o recuncho da Dársena deixando sobor das acougadas augas azuis e os apiñoados barcos en sombra toda a
misteriosa poética dunha cidade feita polo mar.
Destaca, neste grupo de obras dedicadas a súa cidade, a que fai da Praza de España. É unha obra dunha grande sinxeleza
compositiva: tres casas de fondo, un grupo de abultadas e pequenas matas escuras en primeiro plano e, erguéndose a
carón delas, dúas altas árbores de espilido tronco rematadas en lixeiras e globulosas copas mouradas case traslúcidas
que semellan voar para fundirse coa luz malva do ceo que envolve tamén todo o conxunto; a rosácea fachada do edifico
centra pon o necesario contrapunto de calidez. É unha obra que demostra exquisita sensiblidade cromática e que fai sentir
o ar, nun certo achegamento ao esfumato leonardesco.
O océano Atlántico tamén ten todos os matices do azul e así o pinta, nos cinco cadros que titula Mar, de 2012 e 2014, nos que
recolle toda a fereza das augas do Orzán e de Riazor, as súas alporizadas correntes e as suas encrespadas ondas de branca
escuma, pero recolle, sobre todo a inmensidade na que ceo e mar se funden, con todas as incitacións de horizontes de
lonxanía e de ultramares que levan ao máis alá. Soan esta augas coma as do mar maior que arrodearon á fermosa doncela
da cantiga de Meendinho; é dicir, soan a Galicia.
De 2010 é a acuarela Casas de Zalaeta, toda ela luminosidade de galerías acristladas, baixo un ceo de brancas nubes, con
dous toques de laranxa e de dourado, unha arquitectura a que fai danzar a súa particular muilñeira xeométrica.
De 2015 son Lians III e Lians IV, cuxos motivos son a igrexa de Santa Eulalia de Lians de fronte e desde detrás, respectivamente,
rodeadas de árbores, entre a exultante luz do verán..En Ría da Pasaxe volve á poética do mar, pero agora é un craro e
sosegado espello, un recuncho en calma da ría, no que cantan os reflexos da beira. En Porta Real de 2017 pon a danzar
a aqrquitectura das galerías como si fosen a desartellarse, mentras proxecta sobre elas a sombra fantasmal do edificio
modernista. Do mesmo ano é Parque da ría do Burgo, que tamén parece moverse, ainda que en lento baile veraniego, ao
que invita a nítida luz branca que atravesa o fresco e gozoso verdor da arboreda.
17